Friday 17 de May de 2024

A Deputación da Coruña e o Concello de Miño colaboran para “encamiñar” e “buscar solucións” ao problema da débeda do caso Fadesa


A Deputación aprobará no pleno de setembro un convenio de 200.000 euros para dotar de novo céspede artificial ao campo de fútbol de Miño, moi desgastado tras 13 anos de uso

Formoso ofrécelle ao goberno municipal “todos os recursos da Deputación” para axudar a Miño na busca de solucións á delicada situación económica que atravesa o municipio, cunha débeda de máis de 22 millóns de euros
O presidente da Deputación apela á “sensibilidade e flexibilidade” do Ministerio de Facenda “para adaptarse ao gran esforzo que está facendo o Concello de Miño para poder cumprir coas súas obrigas financeiras e atender os servizos públicos”
Vázquez Faraldo agradece “o apoio técnico, xurídico e económico que presta Deputación para axudarnos a encamiñar o maior problema que ten Miño”

A Deputación da Coruña e o Concello de Miño colaboran para “encamiñar” e “buscar solucións” ao problema da débeda do caso Fadesa
A Deputación da Coruña investirá 200.000 euros para dotar ao campo de fútbol de Gallamonde (Miño) dun novo terreo de céspede artificial. O investimento será a aprobado no pleno provincial de principios do mes de setembro.
Así o anunciou esta mañá o presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, durante a visita institucional que realizou ao Concello de Miño e na que estivo acompañado polo alcalde da localidade, Manuel Vázquez Faraldo e polo deputado portavoz do Goberno provincial, Bernardo Fernández Piñeiro.
Tras a recepción no Concello, os tres mantiveron unha reunión cos membros da directiva da Asociación Deportiva de Miño para anunciarlles a inminente aprobación das obras do terreo de xogo desta instalación deportiva.
Formoso anunciou que a achega económica articularase a través dun convenio de colaboración entre a Deputación e o Concello de Miño, que será aprobado no pleno de principios de setembro e que permitirá renovar o actual céspede artificial do campo, moi desgastado tras máis de 13 anos de uso. Os 200.000 euros serán achegados integramente pola Deputación, dada a delicada situación económica do municipio.
“Tras ver o estado actual do campo é evidente que son unhas obras necesarias para devolver unhas condicións axeitadas a estas instalacións, nas que adestran e xogan máis de 180 xogadores dunha decena de equipos de diferentes categorías e idades”, afirmou González Formoso, que anunciou que se dotará ao campo de Gallamonde “dun novo terreo de herba artificial axeitado para un uso intensivo da instalación que permita seguir promovendo a práctica do fútbol en Miño” e destacou “o importante traballo” da directiva do club.
Pola súa banda, o alcalde afirmou que o Concello xa ten moi avanzados os trámites para poder adxudicar as obras e solicitou que a Deputación “reinvista en Miño a baixa que se produza na adxudicación dos traballos”.
Neste primeiro encontro oficial entre González Formoso e Vázquez Faraldo, ambos mandatarios falaron tamén de distintos proxectos do goberno municipal para os vindeiros anos, que precisarán da colaboración da institución provincial para poñelos en marcha.

Apoio na busca de solucións á débeda do caso Fadesa
O alcalde agradeceu “o importante apoio técnico, económico e xurídico que a Deputación da Coruña está prestando ao Concello de Miño para axudarnos a buscar solucións para a débeda con Fadesa” e afirmou que o goberno municipal está traballando para “encamiñar o maior problema que ten Miño” e “buscar unha saída” que permita saír desta delicada situación económica e aliviar o efecto negativo dunha débeda que xa supera os 22 millóns de euros, alargando os prazos de devolución dos créditos. “Creo que haberá novidades positivas”, apuntou.
“Somos conscientes de que o goberno municipal herda unha situación económica moi difícil e dende a Deputación da Coruña estamos poñendo ao dispor do goberno municipal todos os recursos dispoñibles para colaborar con eles na busca de solucións que non hipotequen o futuro dos veciños do municipio”, afirmou o presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, que apuntou que xa se produciron numerosas reunións cos servizos de Intervención, Asistencia aos Concellos e Asesoría Xurídica para abordar este asunto.
Formoso apelou tamén á “sensibilidade e flexibilidade” do Ministerio de Facenda “para adaptarse ao gran esforzo que está facendo o Concello de Miño para poder cumprir coas súas obrigas financeiras sen deixar de atender os servizos públicos”.

Club Náutico

Valentín González Formoso, Manuel Vázquez Faraldo e Bernardo Fernández visitaron tamén a última hora da mañá as instalacións do club náutico situado no porto de Miño, dedicado á promoción de deportes coma a vela, o piragüismo e o windsurf nunha localidade que conta cunha gran tradición nas actividades náuticas.
O alcalde solicitou a colaboración da Deputación para a mellora do ximnasio do centro, onde adestran ou se inician nos deportes do mar numerosos veciños da localidade.
A Deputación estudará a posibilidade de colaborar tamén no financiamento deste equipamento, que o alcalde considerou importante para manter a actividade do club.